Crear Ordes de Fabricación en Odoo
Nesta publicación imos explicar como fabricar con Odoo mediante o módulo Fabricación (mrp). Crearemos a Orde de Fabricación manualmente e imos realizar o rexistro da produción do modo máis simple posible.

Antes da creación das Ordes de Fabricación, é importante ter creado datos mestres de calidade, neste caso, principalmente Produtos e Listas de Materiais.
Para crear unha Orde de Fabricación seguimos a ruta: Fabricación --> Operacións --> Ordes de fabricación --> Novo.

A información presente dentro dunha Orde de Fabricación é a seguinte:
- Produto: O artigo que efectivamente produciremos.
- Cantidade: O número que se vai producir.
- Lista de materiais: A relación entre o Produto que se vai fabricar e os seus Compoñentes.
- Data programada: A data prevista de inicio da produción.
- Fin: A data prevista ou real do peche da produción, en función do estado da Orde de Fabricación.
- Responsable: A persoa/usuario encargada da Orde de Fabricación.

No momento en que cubrimos o campo Lista de materiais, cóbrese de modo automático a lapela de Compoñentes, que está composta polos seguintes campos:
- Produto: Mostra os compoñentes necesarios para realizar a produción. Estes Produtos poden ser materias primas ou produtos intermedios, é dicir, Produtos que á súa vez conteñen unha Lista de Materiais e tamén son fabricables.
- Desde: Localización de Almacén desde a que se consumirá o Stock deses Produtos.
- A consumir: É a cantidade que segundo a Lista de Materiais se planifica consumir para realizar esta Orde de Fabricación.
- Prognóstico: Mostra a dispoñibilidade do Stock do Produto compoñente.
- UdM: Unidade de medida do compoñente.

Dentro da Orde de Fabricación tamén se atopa a lapela Varios cos seguintes campos:
- Tipo de operación: É o tipo de operación configurado na app de Inventario.
- Localización dos compoñentes: Localización onde Odoo buscará o Stock dos compoñentes.
- Localización de produtos terminados: Localización de Almacén onde se xerará o Stock do produto terminado.
- Orixe: É un campo que se pode cubrir de modo manual ou automático. Se se cobre de modo automático, fai referencia ao documento ou modelo que deu lugar a esta Orde de Fabricación.
- Distribución analítica: Só é visible se se activan certas configuracións en Odoo. Permite a xestión analítica da fabricación.
- Compañía: Só é visible nun contorno Multicompañía. Fai referencia á Compañía á que pertence esta Orde de Fabricación.

As Ordes de Fabricación teñen Estados. Neste caso, ao crear a Orde de Fabricación de modo manual, a orde créase por defecto no Estado = Borrador.

Se facemos clic en Confirmar, a orde pasará ao Estado = Confirmado. Neste momento os stocks de compoñentes resérvanse e o stock do produto que se vai fabricar tense en conta no Stock Previsto ou Prognosticado.
Nese mesmo momento, na lapela Compoñentes móstranse dúas novas columnas:
- Cantidade: Mostra a cantidade reservada dese compoñente.
- A cantidade consumida: É un check meramente indicativo, que está relacionado coa columna Consumo manual da Lista de Materiais.
Unha vez que a orde está en Estado = Confirmado, temos a opción de rexistrar a produción mediante Producir todo.

Ao facer clic en Producir todo, a orde pasa ao Estado = Feito e efectivamente consómese o stock dos compoñentes e créase o stock do produto fabricado.
Existen outros estados posibles dentro da Orde de Fabricación (En proceso e A pechar), pero dependen da opción de Consumo manual e das Ordes de Traballo ou Fabricacións Parciais, e explicarémolos noutras publicacións.
Segue aprendendo sobre Odoo
- Listas de materiais para fabricar en Odoo
- Ordes de fabricación e ordes de traballo en Odoo
- Fabricación en tres pasos en Odoo
- Odoo Fabricación
Queres implantar Odoo Fabricación na túa empresa? En Anubía axudámosche a configuralo segundo os teus procesos. Contacta connosco.