Skip to Content

Inicio › Servizos › Desenvolvemento

Desenvolvemento Odoo

Módulos a medida e integracións para adaptar Odoo aos teus procesos.

Anubía, desenvolvemento a medida sobre Odoo

En Anubía somos desenvolvedores de Odoo en Galicia: programamos módulos e funcionalidades a medida sobre Odoo, ademais de integracións con outras ferramentas da túa empresa, axustando o ERP aos teus procesos en lugar de obrigarte a cambiar a túa forma de traballar.

Desde 2012 somos Partner oficial do ERP Odoo en Vigo (Pontevedra) e A Coruña en Galicia.

Contamos con máis de 150 implantacións de Odoo en Galicia, en empresas de diversos sectores, pero os proxectos que nos apaixonan e nos que somos expertos son os relacionados con Fabricación, Inventario, Almacén e Contabilidade.

CONTACTA CONNOSCO

Desenvolvemento a medida de módulos e integracións en Odoo

Como desenvolvedores de Odoo, cremos no trato próximo e no valor da comunicación aberta. Estamos aquí para escoitarte e responder ás túas preguntas en cada etapa do proceso.

Engadimos novas funcionalidades a Odoo, mellorando ou ampliando aplicacións xa existentes, ou xerándoas desde cero, sempre adaptadas totalmente ás túas necesidades.

Coñecemos a realidade das pemes, sabemos que as pequenas e medianas empresas son o motor da economía en Galicia. Entendemos os teus desafíos e necesidades específicas. Os nosos desenvolvementos están pensados para integrarse sen fricción na túa operativa diaria.


Odoo Silver Partner

Desenvolvemento Odoo

Desenvolvemento a medida e integracións

Creamos módulos personalizados, adaptamos vistas e informes, e conectamos Odoo con outras ferramentas da túa empresa mediante APIs e conectores, automatizando a transferencia de datos entre sistemas.

Aplicacións de Odoo nun móbil

Desenvolvedores Odoo en Galicia: que desenvolvemos

O desenvolvemento Odoo a medida ten sentido cando a túa empresa necesita algo que o estándar non resolve ben. O noso equipo de desenvolvedores Odoo en Galicia traballa sobre todo nestes ámbitos:

  • Módulos propios: novas funcionalidades, campos, fluxos de aprobación ou regras de negocio que só existen na túa empresa, empaquetados nun módulo independente.

  • Personalización de módulos de Odoo: ampliamos aplicacións existentes como Fabricación, Inventario o Contabilidade para que se axusten á túa forma de traballar.

  • Informes e documentos: albarás, facturas, etiquetas, follas de ruta ou informes de xestión co formato e os datos que necesitas.

  • Vistas: formularios, listas, filtros e paneis pensados para que cada usuario vexa só o que lle serve.

  • Automatizacións: accións automáticas e tarefas programadas que eliminan pasos manuais repetitivos.

  • Integracións: conexión de Odoo con outras aplicacións mediante a súa API externa (XML-RPC e JSON-RPC) ou outros servizos web.

Integracións: conectar Odoo con PrestaShop, WooCommerce e outras aplicacións

Moitas empresas chegan a Odoo con ferramentas que queren conservar: unha tenda en liña en PrestaShop ou WooCommerce, unha aplicación sectorial, unha plataforma de transporte ou un software de planta. Neses casos hai que decidir, antes de escribir unha liña de código, que datos viaxan entre sistemas (produtos, prezos, stock, pedidos, clientes, facturas), en que sentido e cal dos dous manda sobre cada dato.

Con iso claro, eliximos a vía máis sinxela: un conector xa existente cando cobre o que necesitas, ou un desenvolvemento propio sobre a API de Odoo cando a integración é específica. Para conectar Odoo con PrestaShop ou con WooCommerce existen conectores de terceiros; revisamos se encaixan coa túa versión e os teus procesos antes de propor un desenvolvemento a medida. En calquera caso, deixamos rexistro de cada sincronización para que os erros se detecten e non se perdan pedidos nin movementos de stock.

Cando non fai falla programar

Programar en Odoo non sempre é a mellor resposta. Cada desenvolvemento a medida é código que hai que manter e adaptar en cada cambio de versión, así que antes de propolo seguimos esta orde:

  1. Configuración estándar. Odoo ofrece moitas máis opcións das que parece: rutas de almacén, listas de materiais, regras de aprobación, modelos ou campos opcionais. Cunha boa consultoría Odoo moitas necesidades resólvense sen código.

  2. Módulos da OCA. A Odoo Community Association mantén centos de módulos libres, revisados pola comunidade, que cobren necesidades habituais. Se algún encaixa, é preferible a comezar de cero.

  3. Desenvolvemento a medida. Só cando o anterior non abonda, e co alcance xusto para resolver o problema.

Este criterio abarata o proxecto e, sobre todo, facilita as futuras migracións de versión de Odoo.

Boas prácticas na programación de Odoo

Herdanza, sen tocar o core

Todo o que desenvolvemos vai en módulos propios que herdan e amplían os de Odoo. Nunca modificamos o código orixinal, así o teu sistema pode recibir correccións oficiais sen perder nada.

Control de versións e contorno de probas

O código gárdase nun sistema de control de versións e cada cambio próbase primeiro nunha copia da túa base de datos. O teu equipo valídao antes de que chegue a produción.

Pensado para migrar

Seguimos as convencións de desenvolvemento de Odoo e da OCA e evitamos atallos que bloqueen unha actualización. Un módulo ben feito adáptase á seguinte versión cun esforzo razoable.

Como é un proxecto de desenvolvemento Odoo a medida

  1. Análise: entendemos o proceso e o problema real, non só a funcionalidade pedida.

  2. Proposta: describimos a solución, que se configura e que se programa, e pasámosche orzamento.

  3. Desenvolvemento e probas: programamos nun contorno de probas cos teus datos.

  4. Validación e posta en marcha: os teus usuarios próbano, axustamos e pasámolo a produción.

  5. Mantemento: o desenvolvemento queda cuberto polo noso soporte Odoo e tense en conta en cada actualización.

Se estás comezando co ERP, o desenvolvemento adoita formar parte dunha implantación de Odoo completa, como no caso de Texas Controls, que substituíu o seu ERP a medida por Odoo.

Preguntas frecuentes sobre desenvolvemento Odoo

Pérdense os desenvolvementos ao actualizar Odoo?

Non, se están feitos como módulos independentes. Ao cambiar de versión hai que adaptar ese código á nova versión de Odoo, e ese traballo forma parte da migración. O que si se complica é actualizar un sistema no que se modificou o código orixinal, por iso nunca o facemos.

Desenvolvedes para Odoo Community ou para Odoo Enterprise?

Para as dúas. Implantamos ambas edicións e axudámoste a elixir: algunhas funcionalidades só existen en Enterprise, mentres que en Community ás veces convén completar con módulos da OCA ou con desenvolvemento propio. Podes consultar as edicións e licenzas na páxina oficial de prezos de Odoo.

Canto custa un desenvolvemento a medida en Odoo?

Depende do alcance: non é o mesmo un informe novo que unha integración con varios sistemas. Inflúen a complexidade da lóxica, o número de modelos e vistas afectados, as integracións externas e as probas necesarias. Tras a análise dámosche un orzamento pechado ou por fases.

Podedes modificar desenvolvementos que fixo outro partner?

Si. Primeiro revisamos o código existente para saber en que estado está e que riscos ten, e a partir de aí propoñemos mantelo, corrixilo ou substituílo.

CONTÁNOS O TEU PROXECTO

Anubía, desenvolvemento Odoo a medida da túa empresa