Skip to Content

Fabricación con Odoo. Ordes de Fabricación e Ordes de Traballo


Crear Ordes de fabricación e Ordes de traballo en Odoo


Odoo permite crear Listas de materiais e Operacións. Esta lista de materiais e operacións será a ferramenta indispensable para a creación e execución dunha Orde de fabricación e as súas Ordes de traballo.

Unha lista de materiais e operacións en Odoo pódese crear desde a propia ficha de produto ou desde a ruta: Fabricación → Produtos → Lista de materiais → Crear.

Formulario de Lista de materiais en Odoo:

  • Produto: Neste caso o artigo que imos fabricar. Este pode ser un produto final ou intermedio.
  • Cantidade: Contía e unidade de medida sobre as que se aplica esta lista de materiais.
  • Referencia: Nome e/ou código da lista de materiais.
  • Tipo de LdM: Neste caso seleccionaremos Fabricar este produto.


Formulario de lista de materiais de tipo Fabricar este produto en Odoo

Lapelas do formulario de Lista de materiais en Odoo:

  • Compoñentes: Nesta lapela indicaremos os compoñentes desta lista de materiais. Poden ser produtos almacenables, consumibles ou mesmo servizos. Para engadir un compoñente debemos facer clic en Engadir liña.
    • Compoñente: Produto que será consumido na orde de fabricación.
    • Cantidade: Contía necesaria para a fabricación desta lista de materiais.
    • Unidade de medida do produto: É a unidade de medida do compoñente. Por norma xeral xa provén da ficha do produto.

 

Lapela Compoñentes da lista de materiais en Odoo

  • Varios:
    • Consumo flexible: Permítenos configurar como se comportará o consumo de materiais na orde de fabricación.
      • De xeito estrito (Bloqueado). É dicir, o consumo dos compoñentes sempre é o estipulado na lista de materiais.
      • Ou de xeito flexible (Permitido ou Permitido con advertencia), de tal maneira que as cantidades consumidas dos compoñentes na orde de fabricación poden ser editadas e distintas ás teóricas da lista de materiais.
    • Enrutamento: Permite definir rutas loxísticas para establecer regras de almacén e reabastecemento.
    • Distribución analítica: Permite configurar as contas analíticas ás que imputar as posteriores ordes de fabricación do produto desta lista de materiais.
    • Prazo de fabricación: Tempo habitual empregado para fabricar o produto desta lista de materiais unha vez confirmada a orde de fabricación.
    • Días para preparar a orde de fabricación: Prazo para crear e confirmar as ordes de fabricación con antelación co obxectivo de ter tempo suficiente para repoñer compoñentes, xa sexan comprados ou fabricados internamente.


Lapela Varios da lista de materiais: consumo flexible e días de preparación

Centros de traballo e operacións:

Unha vez creada a nosa Lista de materiais imos crear os nosos Centros de traballo e Operacións, para poder vinculalos á lista de materiais e convertela nunha Lista de materiais e operacións.

Para poder vincular as Operacións a unha lista de materiais, debemos crear previamente Centros de traballo e Operacións. 

  • Para crear un Centro de traballo debemos seguir a ruta: Fabricación → Configuración → Centros de traballo → Novo. Neste caso só imos cubrir o campo Nome do centro de traballo e Gardar.


Menú Fabricación > Configuración > Centros de traballo en Odoo


Formulario de novo centro de traballo en Odoo Fabricación


  • Para crear unha Operación debemos seguir a ruta: Fabricación → Configuración → Operacións→ Novo. Cubriremos a seguinte información:
    • Operación: Nome identificativo da operación.
    • Lista de materiais: Seleccionable onde indicaremos a lista de materiais relacionada con esta operación.
    • Centro de traballo: Seleccionable onde indicaremos o centro de produción onde se realiza esta operación.

 Formulario de nova operación en Odoo con lista de materiais e centro de traballo


Unha vez creados a Lista de materiais, os Centros de produción e as Operacións, imos establecer o vínculo entre eles e crear unha Lista de materiais e operacións.

Para iso seleccionamos a lista de materiais que nos interesa. Na lapela Operacións xa se amosarán as operacións vinculadas a esta lista de materiais, posto que no momento en que creamos a operación indicamos cal era a súa lista de materiais relacionada.


Lapela Operacións da lista de materiais con Prensado, Corte, Ensamblado e Instalación eléctrica


Dentro da lapela Compoñentes da lista de materiais temos o campo Consumido na operación, que nos permite seleccionar en que operación concreta se consume cada un dos compoñentes da lista de materiais. Deste xeito conseguimos definitivamente unha Lista de materiais e operacións.


Compoñentes da lista de materiais co campo Consumido na operación


Agora xa sería posible fabricar este produto en Odoo. Para iso seguimos a ruta: Fabricación → Operacións → Ordes de fabricación → Novo e seleccionamos o Produto, a Cantidade que se vai fabricar e a Lista de materiais.


Menú Operacións de Odoo Fabricación con ordes de fabricación e ordes de traballo


Nova orde de fabricación con produto e lista de materiais en Odoo


Cada Operación da Lista de materiais vai ser unha Orde de traballo. Neste exemplo a lista de materiais contén catro operacións: Prensado, Corte, Ensamblaxe e Instalación eléctrica, de tal xeito que ao confirmar a Orde de fabricación, vanse crear catro Ordes de traballo.

Orde de fabricación coas súas catro ordes de traballo en Odoo


Estas ordes de traballo, como se pode ver na imaxe, son accesibles desde a propia orde de fabricación ou pódese acceder a elas desde dous menús propios:

  • Desde a ruta: Fabricación --> Operacións --> Ordes de traballo.
  • Desde a ruta: Fabricación --> Vista xeral e en cada un dos Centros de traballo. Neste caso visualizaranse as Ordes de traballo no kanban ou non, en función do seu estado.

Menú Ordes de traballo e resumo dos centros de traballo en Odoo Fabricación


Desde o momento en que unha orde de fabricación se compón de N ordes de traballo, espérase que se vaian finalizando as ordes de traballo para finalizar a orde de fabricación.

A finalización ou non das ordes de traballo afecta ao estado da orde de fabricación.

  • Cando se confirma a orde de fabricación e ningunha orde de traballo se iniciou, o estado da Orde de fabricación = Confirmado.
  • Cando polo menos unha orde de traballo xa se iniciou, o estado da Orde de fabricación = En proceso.
  • Cando todas as ordes de traballo están finalizadas, é dicir Orde de traballo = Rematado, o estado da Orde de fabricación = Por pechar.
  • Nese momento, se queremos finalizar a orde de fabricación, clic en Producir todo e o estado da Orde de fabricación = Feito.

Orde de fabricación en estado Por pechar con todas as ordes de traballo rematadas


Deste xeito damos por concluídas as ordes de traballo e a orde de fabricación. Noutras publicacións veremos de xeito detallado o formulario de Orde de traballo.


Segue aprendendo sobre Odoo

Queres implantar Odoo Fabricación na túa empresa? En Anubía axudámosche a configuralo segundo os teus procesos. Contacta connosco.

1 comentarios

Javier Moreno 13 de outubro de 2026

<p>Muy útil, lo he aplicado en mi taller de Ourense. ¿Habrá vídeo tutorial?</p>

Producir con Odoo. Listas de Materiais de Subcontratación