Skip to Content

Produción con Odoo. Listas de materiais e operacións

Listas de materiais e operacións para fabricar en Odoo


Odoo permítenos crear Listas de materiais ou Listas de materiais e operacións.

Neste caso concreto, crearemos primeiro unha Lista de materiais e despois converterémola nunha Lista de materiais e operacións para fabricar internamente un produto. Esta lista de materiais e operacións será a ferramenta indispensable para a creación e execución dunha orde de fabricación e das súas Ordes de traballo.

Unha lista de materiais e operacións en Odoo pódese crear desde a propia ficha de produto ou desde a ruta: Fabricación → Produtos → Lista de materiais → Crear.

Formulario de Lista de materiais en Odoo:

  • Produto: Neste caso, o artigo que imos fabricar. Pode ser un produto final ou intermedio.
  • Cantidade: Contía e unidade de medida sobre as que se aplica esta lista de materiais.
  • Referencia: Nome e/ou código da lista de materiais.
  • Tipo de LdM: Neste caso seleccionaremos Fabricar este produto.


Formulario de lista de materiais de tipo Fabricar este produto en Odoo

Lapelas do formulario de lista de materiais en Odoo:

  • Compoñentes: Nesta lapela indicaremos os compoñentes desta lista de materiais. Poden ser produtos almacenables, consumibles ou mesmo servizos. Para engadir un compoñente debemos facer clic en Engadir liña.
    • Compoñente: Produto que se consumirá na orde de fabricación.
    • Cantidade: Contía necesaria para a fabricación desta lista de materiais.
    • Unidade de medida do produto: É a unidade de medida do compoñente. Por norma xeral xa provén da ficha do produto.

 

Lapela Compoñentes da lista de materiais en Odoo

  • Varios:
    • Consumo flexible: Permítenos configurar como se comportará o consumo de materiais na orde de fabricación.
      • De xeito estrito (Bloqueado). É dicir, o consumo dos compoñentes sempre é o estipulado na lista de materiais.
      • Ou de xeito flexible (Permitido ou Permitido con advertencia), de tal maneira que as cantidades consumidas dos compoñentes na orde de fabricación poden ser editadas e distintas ás teóricas da lista de materiais.
    • Enrutamento: Permite definir rutas loxísticas para establecer regras de almacén e reabastecemento.
    • Distribución analítica: Permite configurar as contas analíticas ás que imputar as posteriores ordes de fabricación do produto desta lista de materiais.
    • Prazo de fabricación: Tempo habitual empregado para fabricar o produto desta lista de materiais unha vez confirmada a orde de fabricación.
    • Días para preparar a orde de fabricación: Prazo para crear e confirmar as ordes de fabricación con antelación co obxectivo de ter tempo suficiente para repoñer compoñentes, xa sexan comprados ou fabricados internamente.


Lapela Varios da lista de materiais: consumo flexible e días de preparación

Centros de traballo e operacións:

Unha vez creada a nosa Lista de materiais imos crear os nosos Centros de traballo ou Centros de produción, cambia segundo a versión de Odoo, e Operacións, para poder vinculalos á lista de materiais e convertela nunha Lista de materiais e operacións.

Para poder vincular as Operacións a unha lista de materiais, debemos crear previamente Centros de traballo e Operacións. Neste caso imos ver a súa creación de xeito sinxelo e resumido.

  • Para crear un Centro de traballo debemos seguir a ruta: Fabricación → Configuración → Centros de traballo → Novo. Neste caso só imos cubrir o campo Nome do centro de traballo e Gardar.


Menú Fabricación > Configuración > Centros de traballo en Odoo


Formulario de novo centro de traballo en Odoo Fabricación


  • Para crear unha Operación debemos seguir a ruta: Fabricación → Configuración → Operacións → Novo. Cubriremos a seguinte información:
    • Operación: Nome identificativo da operación.
    • Lista de materiais: Seleccionable onde indicaremos a lista de materiais relacionada con esta operación.
    • Centro de traballo: Seleccionable onde indicaremos o centro de produción onde se realiza esta operación.

 Formulario de nova operación en Odoo con lista de materiais e centro de traballo


Unha vez creados a Lista de materiais, os Centros de produción e as Operacións, imos establecer o vínculo entre eles e crear unha Lista de materiais e operacións.

Para iso seleccionamos a lista de materiais que nos interesa. Na lapela Operacións xa se mostrarán as operacións vinculadas a esta lista de materiais, posto que no momento en que creamos a operación indicamos cal era a súa lista de materiais relacionada.


Lapela Operacións da lista de materiais con Prensado, Corte, Ensamblado e Instalación eléctrica


*NOTA: É posible crear a Operación directamente desde a lista de materiais, desde a lapela Operacións, e o vínculo entre operación e lista de materiais xa se establece de xeito automático. Facelo deste xeito resulta máis áxil. Nesta publicación móstrase primeiro desde a táboa mestra de operacións para entender mellor a relación entre as diferentes táboas.

Unha vez que as operacións están presentes na lista de materiais, para establecer o vínculo definitivo, dentro da lapela Compoñentes da lista de materiais, temos o campo Consumido na operación, que nos permite seleccionar en que operación concreta se consume cada un dos compoñentes da lista de materiais. Deste xeito conseguimos por fin unha Lista de materiais e operacións.


Compoñentes da lista de materiais co campo Consumido na operación


Unha vez creada a nosa lista de materiais e operacións, xa sería posible fabricar este produto en Odoo. Para iso seguimos a ruta: Fabricación → Operacións → Ordes de fabricación → Novo e seleccionamos o Produto, a Cantidade que hai que fabricar e a Lista de materiais.


Menú Operacións de Odoo Fabricación con ordes de fabricación e ordes de traballo


Nova orde de fabricación con produto e lista de materiais en Odoo


En futuras publicacións do blog explicaremos o proceso de creación e execución dunha orde de produción ou fabricación con operacións en Odoo, posto que aparece un novo concepto, o de Orde de traballo, e a execución da orde de produción difire un pouco da dunha orde de fabricación sen operacións.


Segue aprendendo sobre Odoo

Queres implantar Odoo Fabricación na túa empresa? En Anubía axudámosche a configuralo segundo os teus procesos. Contacta connosco.

Comentarios

Todavía no hay comentarios. ¡Sé el primero en comentar!
Fabricación con Odoo. Listas de materiais tipo Kit