Crear Ordes de fabricación e Ordes de traballo en Odoo
Odoo permite crear Listas de materiais e Operacións. Esta lista de materiais e operacións será a ferramenta indispensable para a creación e execución dunha Orde de fabricación e as súas Ordes de traballo.
Unha lista de materiais e operacións en Odoo pódese crear desde a propia ficha de produto ou desde a ruta: Fabricación → Produtos → Lista de materiais → Crear.
Formulario de Lista de materiais en Odoo:
- Produto: Neste caso o artigo que imos fabricar. Este pode ser un produto final ou intermedio.
- Cantidade: Contía e unidade de medida sobre as que se aplica esta lista de materiais.
- Referencia: Nome e/ou código da lista de materiais.
- Tipo de LdM: Neste caso seleccionaremos Fabricar este produto.

Lapelas do formulario de Lista de materiais en Odoo:
- Compoñentes: Nesta lapela indicaremos os compoñentes desta lista de materiais. Poden ser produtos almacenables, consumibles ou mesmo servizos. Para engadir un compoñente debemos facer clic en Engadir liña.
- Compoñente: Produto que será consumido na orde de fabricación.
- Cantidade: Contía necesaria para a fabricación desta lista de materiais.
- Unidade de medida do produto: É a unidade de medida do compoñente. Por norma xeral xa provén da ficha do produto.

- Varios:
- Consumo flexible: Permítenos configurar como se comportará o consumo de materiais na orde de fabricación.
- De xeito estrito (Bloqueado). É dicir, o consumo dos compoñentes sempre é o estipulado na lista de materiais.
- Ou de xeito flexible (Permitido ou Permitido con advertencia), de tal maneira que as cantidades consumidas dos compoñentes na orde de fabricación poden ser editadas e distintas ás teóricas da lista de materiais.
- Enrutamento: Permite definir rutas loxísticas para establecer regras de almacén e reabastecemento.
- Distribución analítica: Permite configurar as contas analíticas ás que imputar as posteriores ordes de fabricación do produto desta lista de materiais.
- Prazo de fabricación: Tempo habitual empregado para fabricar o produto desta lista de materiais unha vez confirmada a orde de fabricación.
- Días para preparar a orde de fabricación: Prazo para crear e confirmar as ordes de fabricación con antelación co obxectivo de ter tempo suficiente para repoñer compoñentes, xa sexan comprados ou fabricados internamente.

Centros de traballo e operacións:
Unha vez creada a nosa Lista de materiais imos crear os nosos Centros de traballo e Operacións, para poder vinculalos á lista de materiais e convertela nunha Lista de materiais e operacións.
Para poder vincular as Operacións a unha lista de materiais, debemos crear previamente Centros de traballo e Operacións.
- Para crear un Centro de traballo debemos seguir a ruta: Fabricación → Configuración → Centros de traballo → Novo. Neste caso só imos cubrir o campo Nome do centro de traballo e Gardar.


- Para crear unha Operación debemos seguir a ruta: Fabricación → Configuración → Operacións→ Novo. Cubriremos a seguinte información:
- Operación: Nome identificativo da operación.
- Lista de materiais: Seleccionable onde indicaremos a lista de materiais relacionada con esta operación.
- Centro de traballo: Seleccionable onde indicaremos o centro de produción onde se realiza esta operación.

Unha vez creados a Lista de materiais, os Centros de produción e as Operacións, imos establecer o vínculo entre eles e crear unha Lista de materiais e operacións.
Para iso seleccionamos a lista de materiais que nos interesa. Na lapela Operacións xa se amosarán as operacións vinculadas a esta lista de materiais, posto que no momento en que creamos a operación indicamos cal era a súa lista de materiais relacionada.

Dentro da lapela Compoñentes da lista de materiais temos o campo Consumido na operación, que nos permite seleccionar en que operación concreta se consume cada un dos compoñentes da lista de materiais. Deste xeito conseguimos definitivamente unha Lista de materiais e operacións.

Agora xa sería posible fabricar este produto en Odoo. Para iso seguimos a ruta: Fabricación → Operacións → Ordes de fabricación → Novo e seleccionamos o Produto, a Cantidade que se vai fabricar e a Lista de materiais.


Cada Operación da Lista de materiais vai ser unha Orde de traballo. Neste exemplo a lista de materiais contén catro operacións: Prensado, Corte, Ensamblaxe e Instalación eléctrica, de tal xeito que ao confirmar a Orde de fabricación, vanse crear catro Ordes de traballo.

Estas ordes de traballo, como se pode ver na imaxe, son accesibles desde a propia orde de fabricación ou pódese acceder a elas desde dous menús propios:
- Desde a ruta: Fabricación --> Operacións --> Ordes de traballo.
- Desde a ruta: Fabricación --> Vista xeral e en cada un dos Centros de traballo. Neste caso visualizaranse as Ordes de traballo no kanban ou non, en función do seu estado.

Desde o momento en que unha orde de fabricación se compón de N ordes de traballo, espérase que se vaian finalizando as ordes de traballo para finalizar a orde de fabricación.
A finalización ou non das ordes de traballo afecta ao estado da orde de fabricación.
- Cando se confirma a orde de fabricación e ningunha orde de traballo se iniciou, o estado da Orde de fabricación = Confirmado.
- Cando polo menos unha orde de traballo xa se iniciou, o estado da Orde de fabricación = En proceso.
- Cando todas as ordes de traballo están finalizadas, é dicir Orde de traballo = Rematado, o estado da Orde de fabricación = Por pechar.
- Nese momento, se queremos finalizar a orde de fabricación, clic en Producir todo e o estado da Orde de fabricación = Feito.

Deste xeito damos por concluídas as ordes de traballo e a orde de fabricación. Noutras publicacións veremos de xeito detallado o formulario de Orde de traballo.
Segue aprendendo sobre Odoo
- Listas de materiais e operacións en Odoo
- Como crear ordes de fabricación en Odoo
- Fabricación en tres pasos en Odoo
- Odoo Fabricación
Queres implantar Odoo Fabricación na túa empresa? En Anubía axudámosche a configuralo segundo os teus procesos. Contacta connosco.